Monday 13 de May de 2024

O Ciclo Principal de Outono do Teatro Rosalía estará composto por 11 obras de gran relevancia nacional e internacional


O auditorio municipal estreará un novo sistema de radiofrecuencia para persoas con déficit auditivo

O Teatro Rosalía de Castro acollerá unha nova edición do seu Ciclo Principal de Outono, que se desenvolverá entre os meses de setembro e decembro cun total de 11 propostas teatrais de ámbito galego, nacional e internacional. O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou a programación acompañado polo director do Teatro Rosalía, Xosé Paulo Rodríguez.

“Na Coruña contamos cunha oferta cultural cunha gran diversidade de opcións ao longo de todo o ano, entre elas un ciclo teatral como este, que é por méritos propios un dos mellores de Galicia”, sinalou Gonzalo Castro. O edil destacou a aposta do Goberno de Inés Rey polo teatro e os recintos destinados a el na cidade: “É necesario seguir apostando pola cultura e facelo no que é considerado o mellor recinto cultural de Galicia”, apuntou.

A programación comezará o 15 e 16 de setembro coa representación de ‘La isla del aire’, de Alejandro Palomas. Será unha cita moi especial, pois este é o último traballo da reputada actriz Nuria Espert. Tamén en setembro, o 29 e 30, terá lugar a representación de ‘Hamelin’, de Juan Mayorga, na versión e dirección de Álex Sampayo. Trátase dunha das propostas galegas do programa.

A seguinte, tamén galega, será ‘Arraianos’, o 6 e 7 de outubro. A obra de Xosé Luis Méndez Ferrín está dirixida por Ánxeles Cuña. Pechará o mes de outubro outra dobre función, neste caso de ‘Supernormales’, da galega Esther F. Carrodeguas, finalista dos premios Max, e dirixida por Iñaki Rikarte. Esta obra do Centro Dramático Nacional representarase os días 20 e 21 e integra un elenco de persoas con e sen discapacidades. Forma parte da aposta do CDN pola diversidade nas súas obras e tamén do fomento por parte do Concello de iniciativas que integren a todas as persoas.

Novembro comezará con dobre función de ‘Cielos’, de Wajdi Mouawad, os días 3 e 4. O 17 e 18 de novembro terá lugar outro dos pratos fortes do programa coa representación de ‘Constante’, na versión de Guillermo Calderón e Gabriel Calderón sobre ‘El príncipe Constante’, de Calderón de la Barca. A produción uruguaia chega á Coruña nunha das súas poucas datas na Península. Pechará o mes de novembro, os días 24 e 25, ‘Búho’, de Diego Lorca.

O mes de decembro será de alta intensidade, con catro espectáculos programados dentro do Ciclo Principal. Abrirá o mes, os días 15 e 16, ‘Abre el ojo’, de Rojas Zorrilla. A seguinte obra representada será ‘Adictos’, de Daniel Dicenta Herrera e Juanma Gómez, o 21 e 22 de decembro. O día 22 será a quenda de ‘Ma Solitud’, de Guillem Albà, Sergio Martínez e Joan Arqué. Trátase dun espectáculo de proximidade e pequeno formato, reservado para só 40 espectadores. ‘Síbaris’, de Domingo Vilar, pechará a programación o 28 e 29 de decembro.

Abonos

Todas as funcións representaranse ás 20.30 horas excepto ‘Ma Solitud’, que terá dobre pase ás 18.30 e 19.30 horas. A partir do próximo luns, 17 de xullo, as persoas abonadas do Teatro Rosalía poderán renovar o seu bono para este Ciclo Principal de Outono no despacho de billetes da praza de Ourense. O 5 e 6 de setembro abrirase a quenda para novos socios, mentres que o 8 de setembro comezará a venda de entradas para o público xeral. As tarifas pódense consultar na páxina web do Teatro Rosalía e nos programas físicos do Ciclo Principal de Outono.

Como novidade, o Teatro Rosalía contará cun novo sistema de auriculares a través dos que se poderá recibir sinal amplificada do son e permitirá, deste xeito, seguir a función ás persoas con dificultades auditivas. Este material adquiriuse grazas a unha subvención dos fondos Next Generation 2022 obtidos polo Concello. “Deste xeito, continuamos facendo das nosas festas, eventos e recintos municipais espazos máis accesibles para todos e para todas”, sinalou Gonzalo Castro.